Resistencia Viticulturista

Espanha

Península do Morrazo

Cangas do Morrazo

Antonio Portela

Fator XPTO: A derradeira fronteira, o último límite… no extremo do mundoviño.

Antonio Portela organiza, dende 2011, con Marina Cruces “A Emoción dos Viños”, un festival de viños emocionantes, sempre en lugares históricos.
Escribe sobre viñedos, viños e vignerons que nos levem máis alá.
Resistindo, resistindo, simplesmente… Resistir.

Resistencia Viticulturista

Proxecto liberto de organismos reguladores, alleo ás incongruencias do mapa vitícola galaico, ausente de soportes oficiais e do exibicionismo de guías, gurus, somm star, MW. A resistencia vexeta á marxe, impasibel, ausente do circo, sobrevoando, no silenzo que enche e suple expresións innecesarias.
Viños para beber, con sede e fame, gastronómico universal, sen discriminar ningunha cociña. Divertido, nunha jolgórica fanfarria de tragos.
Sem maquillaxes desaparece cualquer postureo, do elitista e do sectario, non participa deste escenario á la mode. Descoñece o escaparate vazio do marketing. Vem do pobo que bebe con orgullo, resistindo o azote das grandes corporacións e grupúsculos do viño. Para beber, copo tras copo.
Territorio onde o furancho salvou a un viño artesanal limpo, respetado e reputado, apegado á súa gente e a súa gastronomía mareira.

A derradeira fronteira
o último límite
no extremo do mundoviño
onde máis alo só está o océano
onde o solpor se despide sobre o mar
onde as vides navegan
Tinta Femia
Proa dunha gamela que fuxe do continente
Delicada bravura que esperta os sentidos adormilados e os tragos manoseados
Carácter salino que nos cobre a pel
Profunidade afiada
agarimo da ialma
Gusto do mare

Co sol que fai brillar o salitre na pel, coas brisas oceánicas que se colan entre as illas Cies e Ons e, despois de ascender ó Facho de Luz e propagar todo o seu magnetismo, coa enerxia dos ancestros, e os soños dos devanceiros, todas as plegarias imploradas no seu cumio, para extender os seus aires dende a proa telúrica da península do Morrazo á Gallaecia enteira.
As viñas que moran nas faldas do Facho do Além, nos lares de Berobreo, ó carón das Illas dos Deuses, sobre os areais do paraiso, cara ó horizonte do solpor, dan o froito do primeiro grolo do máis alá.
Elas son o testemuño dos clanes vitícolas que forxaron a identidade dos viños oceánicos, para sinalar no epicentro das rías máis baixas a esencia da viticultura atlántica. Identidade sen contaminar, allea á ingeniería transformadora da arquitectura vitícola tradicional, ligazón natural co territorio, un armazón fraguado pola experiencia de xeneracións de viticultoras ó longo dos tempos, simbiose do chan coa cepa, o ceo e o vento mareiro.

Tinta Femia, co adn do Caiño Redondo, aquel que oficialmente denominan Caiño Tinto. Houbo un Caiño Redondo, con lar reputado no Salnés mais tamén habitante do Barbanza ou do Baixo Miño, que se adaptou tan profundamente nunha simbiose natural ó territorio da proa do Morrazo, que se foi esquecendo do seu abolengo varietal primixenio orixinando unha nova estirpe de tintos, a tinta das femias, coma as mulleres que maioritariamente eran as encargadas do seu cultivo nas parroquias de mariñeiros.
O terroir da ensenada de Bueu e doutros microespazos desta proa, coma os areais de Donón ou os lugares (lieu dit) da parroquia do Hio, auténticas comunas vitivinícolas á maneira francesa, fagotizarono convertindoo noutra caste. Así, aquel Caiño Redondo perdeu os seus costumes transformándose nunha outra caste, a Tinta Femia.

A Tinta Femia é a máis auténtica expresión do carácter oceánico, do espirito mareiro, sen concesións ás modas, nin ao standar enolóxico. Nariz envolta nun balsámico seductor que agocha a finura aromática dos froitos silvestres, da zarza, das especias máis finas e da flor máis sutil. Paso de boca que anima a máis tragos, armónico entre a verticalidade do seu nítido frescor e o envolvente da súa salinidade mareira.
O orgullo da beleza non domada. Inimitabel, único, imposibel de reproducir noutros lares do mundo.

Espadeiro Branco (loureiro) coma beber nun areal entre as herbas aromáticas e o cardo marino, envoltos pola brisa mariña, ou coma beber elevados sobre a rompente do mar nun cantil granítico.
Elegante finura que invita a beber, sen paraxe.
A identidade do terroir das terriñas do Hio, da ría de Aldán, da proa oceánica do Morrazo, da Galiza máis mareira, expresado pola nobreza do Albariño Vello e a complexidade da Treixadura, do Caiño Branco e do Espadeiro Branco.

O Morrazo vai entrando no mar, impregnándose da súa frescura climática, separando duas rías: a estribor e mirando ó norte a de Pontevedra, a babor a de Vigo, con soleadas praias salpicando de relucente e finísima area branca os emparradiños agarimosos enchidos de castes amantes do solpor, da brisa atlántica, do cheiro das algas repousadas nos areais ou entre os cantís golpeados polo mar. Crus de tintos definidos, finos y frescos, atlánticos de pura Cepa, coma os tintos de Cela onde a Tinta Femia expresa toda a súa esencia.

A arquitectura vitícola tradicional está conformada polo emparrado baixo, asentado sobre piares de granito e conducido entre vigas de diferentes madeiras. Parras baixiñas para soportar o embate dos ventos, sentindo a permanente presenza oceánica, con un sustrato granítico que nos viños deixa a súa impronta de estilizada figura e finura aromática. Patrimonio agrario y cultural digno de protección, integrado no ecosistema, dun valor paisaxístico sen comparación cos sistemas de conducción agroindustriais.

Cara ó Atlántico, co cabelo peiteado por unha brisa mariña de profundidade oceánica, cos pés abaneados polas mareas, mollados sobre cunchas… existe unha península entre rías cunha proa que enfila o horizonte do solpor coroada por un Facho, que é monte, de pegada telúrica.

Cando todos os días do ano, estación tras estación, fronte tras fronte e borrasca tras anticiclón e despois dos lusco fuscos máis envolventes do planeta, miramos o por de sol tralas illas Cíes… sabemos que desde esta proa galaica so nos fica enfilar con decisión o futuro, para ir sempre máis alá.
No Morrazo hai un paraíso de finas areas brancas en praias asoladas, luminosas postas de sol entre illas cercanas co horizonte de noso a marcar a travesía. Neste borde vibrante e pracenteiro da Galiza aprendemos a soñar e acumulamos a enerxía necesaria para ir Máis Alá… sempre.

Visceral
fío que se vai desenredando na verticalidade do seu paso
lingua de glacial que descende encaixonada entre paredes de granito pulido
brioso vento que move a gamela polo medio da ría
entra en vea directa, a corazón aberto por fino estilete
limpa de espírito, desposeida de luxos superfluos, ausente de maquillaxes
o goce de amarte entre as ondas dun mar levado
eira fresca, especias finas,
as zarzas nos lindes entre a flor silvestre
e as herbas que chupábamos de neno

Contactos

Voltar